►O Festival Literario de Allariz propón un diálogo ao redor da edición hoxe en día con Constantino Bértolo, que fora director da Editorial Debate, e Moisés Barcia, responsable de Rinoceronte.
►Ademais dos encontros con autores, o FLAZ acollerá un mercado independente de edición e ilustración.

O FLAZ (Festival Literario de Allariz) chega á súa segunda edición no 2023 co ánimo de afianzarse como evento cultural de referencia na axenda cultural, non só galega, senón tamén do resto da península. Os días 30 de xuño e 1 de xullo a comunidade lectora poderá gozar dun festín literario coa presenza en Allariz de autoras e autores de referencia na narrativa galega e española actual: Marta Sanz, Belén Gopegui, Blanca Riestra e Javier Peña. Tamén, nesta segunda edición do festival, organizada polo Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras, coa intención de abranguer outros campos vinculados ao sector do libro alén da escrita, o que fora editor de Debate, Constantino Bértolo, e o responsable da editora galega Rinoceronte, Moisés Barcia, participan nun encontro sobre edición e mercado. O II FLAZ foi presentado esta mañá no Concello de Allariz coa participación da alcaldesa, Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica, María López, e o responsable de contidos da libraría Aira das Letras e director do festival, César Lorenzo. O II FLAZ medra este ano ademais coa celebración dun mercado de edición e ilustración independente. O cartel do II FLAZ é do ilustrador Miguel Robledo.

César Lorenzo, director do FLAZ, destacou o conxunto de voces de referencia que se van dar cita en Allariz: Marta Sanz, Belén Gopegui, Constantino Bértolo, Javier Peña, Blanca Riestra e Moisés Barcia. Tal como se apuntaba xa na primeira edición, o FLAZ quere incorporar na súa programación outros axentes que forman parte do mundo do libro xunto aos autores. É o caso dos editores Constantino Bértolo e Moisés Barcia, que protagonizan o primeiro encontro do FLAZ 2023 o venres 30 baixo o título “Editar contra o mercado”. Bértolo é un dos editores españois de maior prestixio: no seu último libro Una poética editorial (Trama, 2022), Constantino Bértolo, que fora director de Debate e impulsor do selo Caballo de Troya dentro de Random House, traza a través de diferentes textos a súa traxectoria de máis de corenta e cinco anos no mundo editorial. A fronte do grupo Rinoceronte desde que a fundou en 2005, Moisés Barcia dirixe a primeira editorial especializada en obras traducidas ao galego, que achegou ás nosas letras ámbitos literarios inéditos, caso do finés, húngaro, xaponés, islandés, etc. Os encontros cos autores terán lugar na sala de exposicóns da Fábrica, no Paseo da Alameda.

También o resto das convidadas neste FLAZ 2023, Marta Sanz, Belen Gopegui, Blanca Riestra e Javier Peña trascenden o perfil de “literatos” xa que a súa escrita espállase por diferentes plataformas e publicacións; incluso no caso de Sanz e Riestra, polo ámbito da crítica literaria. “Novela literaria: un pleonasmo ou unha rara avis?” é o título do encontro que manterán, tamén o venres 30, Marta Sanz e Blanca Riestra. Durante as últimas dúas décadas o nome de Marta Sanz é sinónimo dunha comunidade lectora fiel, en expansión con cada novo título, dentro do panorama literario iberoamericano. Recibiu o Premio Herralde de Novela en 2015 con Farándula; pouco antes as súas novelas Daniela Astor y la caja negra ((Premio Tigre Juan, Premio Cálamo e Premio Estado Crítico ) e Black, black, black introducíranse nas listas de éxitos editoriais Entregada á construción de personaxes e a tramas ao redor de valores e crenzas tan invisibles como incuestionables -e non poucas veces, perturbadoras-, a madrileña é unha escritora do hoxe e unha das autoras de maior prestixio para lectores e crítica. A súa última novela é Persianas metálicas bajan de golpe.

No caso de Blanca Riestra, nos últimos tempos a súa carreira literaria viuse impulsada con importantes recoñecementos en forma de premios e con Galicia como territorio talismán. En 2021 a autora gaña o Blanco Amor de Novela por Aquí comeza o mar, un retrato da cidade da Coruña. na década dos oitenta –que foi seleccionado polo suplemento Babelia do xornal El País, entre os mellores libros do ano en lingua non castelá–. Antes, en 2015, foi merecedora do Torrente Ballester de Narrativa en castelán que outorga a Deputación da Coruña por Greta en su laberinto. A galega foi directora do Instituto Cervantes de Albuquerque, nos Estados Unidos; na actualidade vive na Coruña, e traballa como profesora de Lingua e literatura francesa nun instituto de secundaria, así mesmo colabora con diferentes publicacións e imparte aulas de literatura.

Personaxe colectivo: Belén Gopegui e Javier Peña

Do personaxe colectivo na era dourada do “eu” falarán o sábado 1 de xullo Belén Gopegui e Javier Peña. Desde hai trinta anos, Belén Gopegui é unha referencia como escritora e pensadora no panorama cultural español. As obras Lo real (Anagrama, 2001), El lado frío de la almohada (Anagrama, 2004), El Padre de Blancanieves (Anagrama, 2007), Acceso no autorizado (Random House, 2011), El comité de la noche (Random, House, 2014) e Quédate este día y esta noche conmigo (Random House, 2017) e os libros de ensaio, Rompiendo algo (Debolsillo) y El murmullo (Debate 2023) constrúen a ollada lúcida desta autora madrileña e a súa forma de indagar nas estrategias e no sentido da narración. O seu último título é Existiríamos el mar.

O coruñés Javier Peña debutou como escritor, coa novela Infelices (Blackie Books, 2019), coa que conseguiu o recoñecemento do público e boas críticas. Na mesma editorial, dous anos máis tarde, publicou Agnes, novela protagonizada por unha xornalista que investiga un escritor pantasma e que afianzou a Peña no oficio literario, o seu soño, que lle permitiu deixar atrás o seu traballo en comunicación institucional.

Os encontro do FLAZ pecharase na tarde do sábado 1 de xullo cun coloquio conxunto co título “Escribir e editar: unha relación de comenencia?”. Ademais, o Festival Literario de Allariz suma ao programa a celebración dunha feira de auto-edición durante as tardes do venres 30 de xuño e sábado 1 de xullo no Paseo da Alameda, para promover e apoiar proxectos de ilustración e edición independentes.

Destino cultural: Allariz

Na presentación do II FLAZ tanto a alcaldesa Cristina Cid como o responsable de contidos da libraría Aira das Letras, César Lorenzo, resaltaron que un dos obxectivos do festival, ademais de crear un espazo de encontro directo entre autoras e autores de referencia e comunidade lectora, quérese contribuír ao carácter de centro e destino cultural do Concello de Allariz, impactando tamén na economía local. Neste sentido, a organización do festival tece alianza con entidades e establecementos da contorna que colaboran no FLAZ como é o caso de Fina Rei, Fío de Liño, Alarico, Maruxainas e, na difusión do patrimonio e visitas guiadas aos convidados, a cooperativa Xeitura, e resaltan o papel dinamizador da comunidade lectora de Allariz. As persoas amantes dos libros, da lectura e dos encontros con autores teñen unha proposta deseñada para eles, os vindeiros 30 de xuño e 1 de xullo en Allariz.

 

                 

 

PROGRAMACIÓN FLAZ 2023
Venres 30 xuño
Sala de Exposicións A Fábrica (Paseo da Alameda s/n)
12:00. Constantino Bértolo e Moisés Barcia: “Editar contra o mercado”
18:30. Marta Sanz e Blanca Riestra: “Novela literaria: un pleonasmo ou unha rara avis?”
De 16h a 20h. Feira de Autoedición. Mercado de ilustración e edición independente (exterior, Paseo da Alameda).
Sábado 1 xullo
Sala de Exposicións A Fábrica (Paseo da Alameda s/n)
12:00: Belén Gopegui e Javier Peña: “O personaxe colectivo na era dorada do eu”
18:30. Coloquio entre todos os participantes:”Escribir e editar: unha relación de comenencia”
De 12h a 20h. Feira de Auto-edición. Mercado de ilustración e edición independente (exterior, Paseo da Alameda).

CONVIDADOS FLAZ 2023
CONSTANTINO BÉRTOLO
En Una poética editorial (Trama, 2022), Constantino Bértolo (Navia de Suarna, 1946) traza a través de diferentes textos a súa traxectoria de máis de corenta e cinco anos no mundo editorial. Como director da editorial Debate entre 1990 e 2003 foi responsable de publicación de autores como Rafael Chirbes, V. S. Naipaul, W. G. Sebald, Rick Moody, Cormac McCarthy, Ray Loriga, Luis Magrinyá, Marta Sanz ou Elvira Navarro. No seo dun xigante editorial como Penguin Random House, hai vinte anos que impulsou e dirixiu o selo Caballo de Troya, orientado a novas voces e autores emerxentes. Un selo que continúa co seu labor despois do retiro de Bértolo en 2014. Ademais de editor -a finais dos anos setenta do pasado século xa estaba vinculado á editorial Anaya-, a relación de Bértolo cos libros tamén o levou a exercer a crítica nas páxinas de El País durante anos, así como nas da revista El Urogallo e o xornal El Independiente. En 2009 recibiu o Premio Periodístico sobre Lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Recentemente repasaba a literatura española do século vinte a través de cincuenta e cinco títulos no libro ¿Quiénes somos? (Periférica, 2021). Como docente, nos anos noventa cofundou a Escuela de Letras de Madrid, onde foi xefe de estudos, e impartiu aulas no mestrados de edición da Universidade Pompeu Fabra, da Universidade de Salamanca (impulsado polo Grupo Santillana) e no Master de Edición Iberoamericano.

MOISÉS BARCIA

Editor e tradutor, Moisés Barcia (Moaña, 1971) fundou en 2005 Rinoceronte, empresa que engloba os selos Rinoceronte, Sushi Books, Morgante e Barbantesa, con sede en Cangas do Morrazo. Rinoceronte converteuse na primeira editorial especializada en obras traducidas ao galego, e achegouse a ámbitos literarios inéditos no noso país: finés, húngaro, xaponés, islandés, etc., e procurou literatura “que represente o mundo”. Rinoceronte Editora aposta no seu catálogo por autores aínda descoñecidos no noso contexto literario e cultural, e, tamén, por aqueles recoñecidos, mais inéditos en galego; autores contemporáneos, pero tamén do pasado máis recente. No seu catálogo, Vivian Gornick, Joan Didion, Sally Rooney, Caitlin Moran, Tatiaba Tibuleac ou Han Kang, pero tamén Raymond Carver, Jane Austen ou Katherine Mansfield. Aínda que se achega a este II FLAZ para falarnos do oficio de editor, o traballo de Moisés Barcia como tradutor resulta difícil de condensar. Destacan as súas traducións para Edicións Xerais e Editorial Galaxia, como O señor dos aneis, O Hobbit ou Oliver Twist, pero o seu traballo expándese nos últimos anos en Rinoceronte Editora, para a que acaba de traducir a última premio Nobel, Annie Ernaux, co lanzamento en galego da novela O acontecemento.

BLANCA RIESTRA
Nos últimos tempos a carreira literaria de Blanca Riestra (A Coruña, 1970) viuse impulsada con importantes recoñecementos en forma de premios e con Galicia como territorio talismán. En 2021 a autora gaña o Blanco Amor de Novela por Aquí comeza o mar, un retrato da cidade da Coruña na década dos oitenta –que foi seleccionado polo suplemento Babelia do xornal El País, entre os mellores libros do ano en lingua periférica–. Antes, en 2015, foi merecedora do Torrente Ballester
de Narrativa en castelán que outorga a Deputación da Coruña por Greta en su laberinto, unha historia de vampiros ambientada nun futuro próximo, e en 2016 gañou o Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia con Noire Compostela. Nestes anos, outro galardón, desta volta o Premio de Novela Ateneo de Sevilla en 2020 con Últimas noches del edificio San
Francisco, ambientada na cosmopolita Tánxer dos anos cincuenta do século vinte. Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Borgoña, Riestra escribe a primeira novela durante a súa etapa universitaria, que se publicará co título Anatol y dos más (Anagrama, 1996) localizada en Santiago de Compostela, onde a autora estudaba, que acaba de aparecer na súa edición galega en Galaxia. Seguirían La canción de las cerezas (Algaida, 2001), El Sueño de Borges (Algaida, 2005) e Todo lleva su tiempo (Alianza Editorial, 2007), obras que a consolidaron no panorama literario español. Entre 2005 e 2007 foi directora do Instituto Cervantes de Albuquerque, nos Estados Unidos; na actualidade vive na Coruña, e traballa como profesora de Lingua e literatura francesa nun instituto de secundaria, así mesmo colabora con diferentes publicacións e imparte aulas de literatura.

MARTA SANZ
Persianas metálicas bajan de golpe (Anagrama, 2023) é o título da última novela de Marta Sanz (Madrid, 1967), ciencia ficción que sitúa ao lector nun futuro moi presente. Durante as últimas dúas décadas o nome da autora madrileña é sinónimo dunha comunidade lectora fiel, en expansión con cada novo título, dentro do panorama literario iberoamericano. Recibiu o Premio Herralde de Novela en 2015 con Farándula; pouco antes as súas novelas Daniela Astor y la caja negra ((Premio Tigre Juan, Premio Cálamo e Premio Estado Crítico ) e Black, black, black introducíranse nas listas de éxitos editoriais. Para Marta Sanz, doutora en Literatura Contemporánea, o século XXI comeza xa coa boa acollida das súas obras Los mejores tiempos (Debate, 2001, Premio Ojo Crítico de Narrativa) e Susana y los viejos (Destino, 2006, Finalista do Premio Nadal). Ensaísta, poeta, docente, crítica e colaboradora en diferentes medios de comunicación, estamos ante un dos nomes máis recoñecidos da literatura en lingua española. O editor Constantino Bértolo publicou en 1995 a súa primeira novela, El frío. Entregada á construción de personaxes e a tramas ao redor de valores e crenzas tan invisibles como incuestionables -e non poucas veces, perturbadoras-, Marta Sanz é unha escritora do hoxe e unha das autoras de maior prestixio para lectores e crítica.

BELÉN GOPEGUI
Desde hai trinta anos, Belén Gopegui (Madrid, 1963) é unha referencia como escritora e pensadora no panorama cultural español. Licenciouse en Dereito na Universidade Autónoma de Madrid, pero axiña comezou a escribir en diferentes publicacións, e a súa primeira novela La escala de los mapas (Anagrama, 1993), marcada pola metáfora e pola poesía, vai ser xa un éxito, facéndose merecedora do Premio Juan Tigre. A visibilidade da autora nos seguintes anos aumentará ademais polo interese da industria do cine levando a súa novela La conquista del aire (Anagrama, 1998) á pantalla grande coa película Las razones de mis amigos, de Gerardo Herrero. Con este director, Gopegui colaboraría como guionista no filme El principio de Arquímedes en 2004. As obras Lo real (Anagrama, 2001), El lado frío de la almohada (Anagrama, 2004), El Padre de Blancanieves (Anagrama, 2007), Acceso no autorizado (Random House, 2011), El comité de la noche (Random, House, 2014) e Quédate este día y esta noche conmigo (Random House, 2017) e os libros de ensaio, Rompiendo algo (Debolsillo) y El murmullo (Debate 2023) constrúen a ollada lúcida desta autora madrileña e a súa forma de indagar nas estrategias e no sentido da narración. Existiríamos el mar (Random House, 2021) é o título da última novela publicada ata o momento; a crítica coincide en que estas páxinas afondan no proxecto literario de Gopegui, sempre á procura de rachar barreiras entre o individual e o colectivo, e de avistar as condicións que multiplicarían a bondade humana.

JAVIER PEÑA
O debut de Javier Peña (A Coruña, 1979) como escritor, coa novela Infelices (Blackie Books, 2019), foi un acontecemento literario; cunha trama ao redor dun grupo de personaxes, amigos dende os anos universitarios, Peña colleitou recoñecementos e boas críticas. Na mesma editorial, dous anos máis tarde, publica Agnes, novela protagonizada por unha xornalista que investiga un escritor pantasma e que afianza a Peña no oficio literario, o seu soño. Xornalista de formación, Javier Peña traballou na primeira década deste século en medios de comunicación para despois dedicarse á comunicación institucional en diferentes departamentos da Xunta de Galicia. O éxito de Infelices propiciou que puidese abandonar o seu traballo habitual para dedicarse en exclusiva á literatura. Non esquece impartir talleres de escritura creativa nos que comparte co alumnado consellos e eixos sobre os que deitar unha boa trama, dirixe a Residencia Literaria da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) e reserva tempo para presentar o podcast literario “Grandes Infelices”, dedicado a analizar luces, sombras e desventuras varias de figuras da literatura universal.