Coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe (ICAW) do 5 ó 11 de maio, o Concello de Allariz da man da Asociación Ecoloxista ADEGA pon en marcha unha campaña de concienciación sobre a redución, reutilización e reciclaxe dos nosos residuos, que prolongará a súa execución ata o mes de novembro, centrada especialmente na compostaxe.

Esta campaña conta coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia,  e está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo a inversión subvencionable de 41.471,50€.

O desenvolvemento da mesma, suporá a entrega de 200 composteiros de uso individual de entre 450 e 850 litros, para a recuperación da materia orgánica producida nos fogares que dispoñan de finca e está especialmente dirixida ós núcleos rurais do municipio.

Para poder achegar esta opción á cidadanía levaranse a cabo charlas nas parroquias en canto a situación se normalice. Con esta entrega situaríanse por riba dos 500 os composteiros de uso individual instalados no Concello.

Ademais disto promoverase o reforzo e creación de novas áreas de compostaxe comunitaria cun total de 15 composteiros comunitarios de gran capacidade.

O obxetivo é superar o 50% na separación e reciclaxe dos residuos xerados en Allariz ao longo do ano 2021.

Ó tempo técnicas de ADEGA  executarán charlas divulgativas no CEIP Padre Feijoo e no IES de Allariz, dada a importancia de implicar os rapaces e rapazas no respecto e conservación do seu entorno, os centros educativos disporán dunha exposición sobre esta temática. Tamén se efectuarán e visitas porta a porta para a concienciación e explicación da importancia da separación, recordando que mais do 40% do lixo que producimos é de orixe orgánica.

Recordar que o compost é o produto resultante da descomposición aerobia da materia orgánica, para ser reutilizada no sector agrícola, como ferramenta de mellora da fertilidade do chan. Algo que precisan os chans galegos especialmente os agredidos polos lunes, xa que mellora a súa estabilidade estrutural, aumenta a capacidade de retención de auga e reduce a erosión.

O compost é fácilmente manexable, non produce malos cheiros e fertiliza a terra mellorando as produción agrogandeira.

É que o noso planeta esgota o equilibrio entre os recursos que é quen de producir e os que consume a humanidade cada vez mais axiña. Os datos indican que en 2020 no mes de Agosto o conxunto dos seres humanos xa consumiran o que o planeta é capaz de rexenerar nunha anualidade. A cidadanía temos a responsabilidade de aportar,  cada un dentro das nosas posibilidades, para a mellora do medio ambiente, sendo a reciclaxe e recuperación do lixo algo no que todas e todas podemos tomar parte.

Aquelas persoas interesadas na obtención dun compostador poderán dirixirse  directamente a itziar@adega.gal ou ben medioambiente@allariz.gal ou no 988 440 001.