O deportista alaricano Iván Feijóo recibía, onte, no Concello de Allariz, os aplausos dos representantes do goberno local xunto cos dos diferentes clubs deportivos da localidade.

Logo do seu recente título de campión de España de ciclocross na categoría sub23, Iván Feijóo foi recibido onte, entre aplausos, pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o seu equipo máis os representantes dos clubs deportivos de Allariz nas diferentes disciplinas, ciclismo, fútbol, baloncesto ou piragüismo.

O deportista e estudante de mediciña chegou acompañado polos seus amigos e familiares, e recibiu da alcaldesa unha figura do Boi como recoñecemento á súa labor e símbolo do apoio do pobo alaricano.

Nos vindeiros días viaxará a Francia e Holanda para disputar dúas copas do mundo e o mundial de Dinamarca coa selección española.