Baixo unha nova mirada para deixarse sorprender, o Concello de Allariz presenta os Roteiros Temáticos para este 2023.

A Área de Promoción Económica, Comercio e Turismo, presentaba esta nova proposta que se desenvolverá durante este 2023 en Allariz.

María López, concelleira de Turismo, Manuel Gallego e Noemí Álvarez , membros de Xeitura presentaban esta mañá a actividade que percorrerá diferentes puntos e temáticas da historia de Allariz.

Roteiros Temáticos Allariz está composto 7 historias temáticas, distribuídas en 10 datas. A quedada será o terceiro sábado de cada mes na oficina de información pola tarde. Para asistir é necesario inscribirse en informacion@allariz.gal e a actividade será de balde ata completar a capacidade.

Estes roteiros pensáronse para aquelas persoas que sendo coñecedoras ou non de Allariz queren descubrir fermosos recunchos, interesantes curiosidades e anécdotas dende o punto de vista dunha temática en particular”, explicábanos María López durante a presentación.

Unha proposta dunha coidada selección de roteiros que nos achegaran a Allariz dende agradables paseos para gozar en familia, con amigos cada mes, con sorpresas incluídas.