Allariz acollerá do 30 de setembro ao 12 de outubro unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz. Este ano cumprirán o seu 11º ano de celebración con 23 establecementos locais participantes.

Na mañá de hoxe representantes do sector hostaleiro participante, acompañados pola Alcaldesa de Allariz Cristina Cid e a concelleira de Promoción Económica María López, presentaron a oferta culinaria que haberá nos locais durante esta edición.

A hostalería alaricana ofertará tapas e menús cuxo ingrediente principal é a exquisita carne de boi de Allariz. Pinchos elaborados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos será o que as persoas se atopen nas 11ª Xornadas de Carne de Boi de Allariz

20 tapas competirán por ser a elixida entre os comensais como a Mellor Tapa desta edición. Atoparemos tanto tapas xa tan tradicionais como os callos de Boi ou a empanadilla de Carne de Boi, como tapas novas que a ben seguro farán as delicias das persoas que se acheguen durante estas dúas semanas que ten de duración o evento. O prezo da tapa será de 2€ e na modalidade de menús haberá para todos os petos.

Ten continuidade este ano o premio local para premiar a gran participación e fidelidade de todas as veciñas e veciños que ano tras ano participan nestas xornadas. “Papando no Boi” será a recompensa que recibirá a primeira persoa, con tarxeta cidadá, que consuma as 20 tapas que participan no concurso de 2022, cun premio directo de 100€ para gastar no comercio local. Ademais haberá un premio dun fin de semana en Allariz e unha cea entre as cartillas que acumulen todas as tapas participantes, e 3 vales de 75 € para aquelas cartillas que degusten 5 tapas.

O sorteo realizarse o sábado 22 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00h, no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición. Para máis información pódese consultar a páxina allariz.gal/carnedeboi/ na que se atopan as bases do concurso de tapas.

Aproveitando as Xornadas e as sinerxías que xorden no Mercado da Reserva, o sábado 1 de outubro poderemos degustar empanada de carne de boi feita polos veciños do Mato no seu forno comunal acompañados da música do grupo tradicional Cidade de Antioquia. O sábado 8 de outubro haberá, , a oportunidade de degustar a tapa gañadora da edición anterior a cargo do restaurante Erva vila de Allariz. As actividades do mercado serán de 12 a 13.30 h.

Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz fixo fincapé na importancia que ten o proxecto de Carne de Boi de Allariz para a economía local, así como o aproveitamento dos recursos que temos no noso territorio.

As Xornadas de Carne de Boi son un gran aliciente para a poboación local, xa que dinamizan durante 2 semanas o comercio e a hostalería. Segundo María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo a veciñanza alaricana é unha gran embaixadora da Carne de Boi de Allariz.

Briugu Allariz comercializa Carne de Boi de Allariz, ademais de no Mercado, tamén distribúe á hostalería participante. Xosé Romero, xerente da empresa, sinala a gran calidade da carne de boi , de raza limiá, producida en Allariz. Neste ano destinaranse para as xornadas, 5 bois, ao redor de 2000kg de carne.