A campaña de recollida de alimentos promovida por Cáritas Allariz, que xa está en marcha nos distintos supermercados da vila, verase reforzada este Nadal coa iniciativa promovida dende o Concello. Todas as entradas as actividades programadas para estas datas terán un fin solidario. Aquelas persoas que participen ou asistan aos espectáculos culturais deberán aportar alimentos non perecedoiros en vez de pagar unha entrada.

Os responsables da parroquia Adrián Rodríguez Iglesias e Fran López Gómez resaltaba a importancia de colaborar en Nadal e no resto do ano. Falaron da importancia que ten o banco de alimentos para todas esas familias que precisan de axuda e sinalaban a importancia da recollida nesta época xa que aporta reservas para gran parte do ano.

Cristina Cid resaltou a importancia da colaboración cidadá nestas iniciativas e animaba a todas aquelas persoas que, ou ben a través dos espectáculos e eventos organizados dende o Concello, ou ben nos puntos de recollida, aporten o seu gran.

Así mesmo animaba a todas as persoas a visitar as dúas decoracións que quedarán instaladas nos vindeiros días organizadas pola parroquia. Unha delas estará no atrio da Igrexa de Santo Estevo e a segunda pendente de localización. Estas decoracións complementarán as que xa están en Allariz dende o 3 de decembro.

Dende Cáritas Allariz fan un chamamento a toda a poboación a colaborar. Os alimentos que nestes momentos máis necesitan son aceite, arroz, conservas, alimentos para os máis pequenos e pequenas… aínda que calquera achega sempre é benvida. Adrián e Fran resaltaban o gran labor que realizan todas esas persoas voluntarias que traballan todo o ano para que o banco de alimentos de Allariz funcione e agradecían a iniciativa do Concello de Allariz con esa colaboración.