Un grupo de estudantes e licenciados en Arquitectura achegáronse ata Allariz, o pasado sábado, para coñecer os puntos máis significativos do municipio.

Os arquitectos participan nun traballo de campo sobre o territorio galego promovido polo prestixioso arquitecto británico David Chipperfield co obxectivo de coñecer os recursos patrimoniais, naturais e produtivos galegos para analizar, así,  as súas debilidades, fortalezas e potencialidades para poder deseñar estratexias.

A excursión a Allariz centrouse na visita ao Rexo, o Casco Histórico de Allariz e Santa Mariña de Augas Santas.  No ecoespazo coñeceron, ademais do Centro de Educación Ambiental, o patrimonio gastronómico da zona con produtos elaborados no municipio (queixo de ovella, castañas, cervexa ou mel …) e a repercusión que ten para o territorio ser considerados como Reserva da Biosfera.

Os arquitectos tiveron a oportunidade de asistir á charla, impartida pola arquitecta municipal Marta Somoza, sobre xestión urbanística de Allariz. A recuperación das marxes do río Arnoia, as fábricas de curtidos e os muíños rehabilitados e reutilizados para outros usos centraron o papel desenvolvido pola oficina de rehabilitación.

A xornada concluíu en Santa Mariña de Augas Santas onde visitaron o casco antigo, a escola de cestería e o centro cívico así como tamén o castro de Armea o que lles permitiu, aos arquitectos, comprobar a aplicación de medidas para protexer, potenciar e poñer en valor os espazos naturais e urbanísticos.