O Festival Internacional de Xardíns de Allariz pechou, o 30 de outubro, a súa décimo terceira edición, “ A Volta ao Mundo en Once Xardíns, aberta dende maio.
Neste tempo máis de 35.000 persoas visitaron os xardíns efémeros. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, establecendo a visita ao Festival como evento anual para moitas persoas que se achegan a visitar o recinto e Allariz ”.

O evento alaricano, único no estado, converteuse, ao longo destes 13 anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.
Premio dos/as visitantes

Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. “Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda obtivo o 19,10% dos votos polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2023 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.
Este xardín é un eloxio a todas estas persoas que medraron e saíron adiante desde a informalidade. Un xardín que suscita a materialidade dos asentamentos informais (Metal, Madeira, Cachotería, Cor), onde a creatividade e o vernáculo se xuntan para dar vida á vivenda de millóns de persoas en toda Latinoamérica. A partir de grandes materas verticais representa esta xeometría e arquitectura de montaña que tanto caracteriza as grandes metrópoles desta rexión.

O segundo lugar, foi para o xardín polaco “Plants of the world, de Katarzyna Wojdziak que cun 18,81€% dos votos acadou esta posición.

E no terceiro posto, “A queima de Fuji-Hakone-Izu” dos madrileños Blanca Bargalló, Rodrigo Vale e Violeta Rodríguez, que con un 12,52% dos votos acadaron esta terceira posición.
Continúa aberto o prazo de presentación de proxectos para a edición 2024“ O xardín é unha obra de arte” ata o 30 de novembro.
O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano. Toda a información en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2024/