Entre os días 3 e 6 de maio desenvolveranse en Allariz unha nova edición das Xornadas dos Oficios do Coiro. Un encontro que reúne a profesionais, estudantes e afeccionados, que fai posible xuntar as diferentes disciplinas no oficio.No marco da sétima edición realizaranse actividades como obradoiros, demostracións, exposicións e charlas que terán lugar en diferentes espazos da vila.

O 3 de maio, ás 20’30h na sala “A Paneira” inaugúrase a exposición “Cada un ve o que sabe” de Juan García Olmedo (Córdoba), unha colección de pezas tridimensionais realizadas coa técnica de “ cuir bouilli” (coiro cocido) e terminadas coa utilización de texturas, cor e epigrafías características da súa obra. Esta exposición estará aberta ata o día 25 de maio.

As actividades de carácter formativo levaranse a cabo, como en anos anteriores, na sala de exposicións A Fábrica. Durante os días 4 e 5 varios profesionais do sector impartirán talleres prácticos nos que se poden descubrir as múltiples posibilidades deste material. Trenzados, labrado e estampado, modelado con area, tinxido con aerógrafo ou costuras con tireta será a proposta formativa.

Eses mesmos días, o Patio do Museo convértese en escenario de diversas actividades como o mercado de ferramentas, produtos e publicacións relacionados co sector e un espazo de intercambio de coñecementos, técnicas e trucos chamado “A Mesa” , e“O escaparate das novidades”, onde os/as asistentes mostrarán os seus últimos traballos e celebrarase a charla “Coiro: Do antigo ao actual” a cargo de Franklin Pereira (Braga, Portugal). Ademais, presentarase a instalación “EMparrAO”. Esta mostra que se poderá visitar ata o 25 de maio formou parte da Exposición “Curtidas” na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo durante o primeiro trimestre deste ano, e trátase da posta en práctica dun mesmo patrón de 133 maneiras diferentes.