IV Edición – 2013 «Allariz, a beleza que inspira»
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz celebrou a súa cuarta edición baixo o título “A beleza que inspira”. Cun número de visitas superior a 40.000 e unha recadación en entradas de 31.357€ demóstrase a valoración positiva e a gran aceptación que ten o proxecto por parte tanto da veciñanza coma dos visitantes.
A utilización do Festival Internacional de Xardíns de Allariz como escenario para o mundo empresarial da xardinaría e paisaxismo, por empresas e asociacións como Agaexar, Acubam, Vivergal ou a Asociación Española de Paisaxistas, así como a exposición de mostras escultóricas no recinto, unindo arte e natureza, son mostras da valoración positiva do festival, que non só se converteu nun lugar atractivo senón que permite a dinamización económica de Allariz.
No 2013 alzouse co primeiro premio, grazas ao 25% dos votos, “Pensasueños” do alicantino Manuel Richart. O segundo premio foi ás mans de Camille Thibert e Pedro Marzorati con “O xardín da árbore que chora”. E o terceiro foi para “Atopa o tesouro” de Susanne Kopfer, Elisabeth Olischar e Jürgen Rosenitsch.