O Proxecto

Por Mar Gil

Son 37 700 m2 de auga, sons, cores e vexetación. Tres hectáreas de natureza que apenas se permiten unha concesión: a dun certo artificio, a dun desvarío da imaxinación, impetuosa pero sempre sometida á onmipresenza do río. É o Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

Pioneiro na península xunto co portugués de Ponte de Lima, o Festival é un quebracabezas verde que mantén durante o ano un marco estrutural fixo e renova, cada primavera, doce espazos asignados á creatividade e á innovación de paisaxistas de todo o mundo. O Festival é un gran concurso de ideas e deseños de xardinería inserido no proxecto municipal como unha peza, todo el, dese outro gran crebacabezas que é o plan de revitalización e desenvolvemento de Allariz.

A súa presenza non é casual, nin tampouco a súa situación. O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) coroa as infraestruturas do Parque etnográfico e serve de enlace entre os muíños e as fábricas de coiros e as modernas instalacións da hípica, o cámping e a cidade deportiva. O complexo do Briñal e o suxestivo percorrido dun Arnoia encaixado, augas abaixo, son a meta á que o FIXA lle marca o camiño. Faino incorporando moitos dos elementos que definen o proxecto Allariz: patrimonio, natureza, innovación e sentido práctico.

O patrimonio constitúeo o propio marco – difícil subtraerse a ese pano de fondo que debuxan a vila medieval e o outeiro do castelo! – e algunhas achegas internas de grande atractivo. É o caso da noria de sangue. A súa recuperación foi máis alá do valor escultórico coa revitalización do mecanismo de funcionamento, activado, como antano, pola forza animal. Un burro reproduce o movemento doutro para sacar auga do río e nese circular monótono latexa a cotianeidade dun tempo aínda vivo en moitas memorias.

Xunto á noria van xurdindo elementos da arquitectura popular galega que ven realzada a súa beleza e o seu significado nun contexto de estética contemporánea. Insírese, tamén, unha metáfora, a do río tralas crecidas, representada nos xogos de auga, nas pequenas canles e nas liñas curvas – auténtico fío condutor do Festival – que sortean as parcelas a concurso e converten en xardín de xogos os depósitos de area e en fontes e lagoas a auga encorada polos desbordamentos naturais.

A natureza é inesquivábel no Festival. Está dentro e fóra, antes e despois, arriba, abaixo, no interior; asalta os xardíns dende o río e dende o castelo… Sucede o mesmo coa innovación e coa imaxinación. Non se tocan, pero advírtense en moitos dos detalles que configuran un proxecto que no ano 2013 recibiu 42 000 visitas e xerou 34 000 euros de ingresos por venda de entradas. O sentido práctico subxace no seu propio deseño, adaptado para salvagardar os predios contiguos de posíbeis desbordamentos.

Dende a súa creación en 2010, o festival medrou en superficie e contidos. Os 13 000 metros cadrados da primeira fase rondan hoxe os 38 000; ademais, as doce parcelas para exhibición de deseños temporais incorporaron espazos de ton diferente, como un aparcadoiro – o sentido práctico, de novo – e unha grande área libre, ao estilo dos grandes parques ingleses. A súa singularidade? A integración, como elemento estético e estrutural, da fonte de augas minerais do Ferradal, que saen do seu histórico cano para debuxaren charcas e perdérense no Arnoia, cara ao mar.

Situación

Paseo Portovello – xunto Museo do Coiro
32660 ALLARIZ (Ourense)

}

Horarios

ata o 13/06/2021
De luns a venres: 17:00h a 21:00h
Fins de semana e Festivos: 11:30h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h

14/06/2021- 19/09/2021
Mañás: 11:30h a 14:00h
Tardes: 17:00h a 21:00h

20/09/2021 – 31/10/2021
De luns a venres: 16:00h a 19:00h
Fins de semana e Festivos: 11:30h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h

Tarifas

ENTRADA: 2€

ENTRADA REDUCIDA: 1€
– Pensionistas ou maiores de 65 anos
– Grupos de máis de 10 persoas

ENTRADA GRATUÍTA
– Person¡as con tarxeta de cidadán
– Menores de 12 anos acompañados
   (excepto se veñen en grupos)

BONO ANUAL: 10€

Para optar aos descontos é preciso mostrar o correspondente xustificante en cada caso.

Contacto

» para participar no concurso
Centro de Promoción Económica
Rua do Portelo 4 32660 ALLARIZ - Ourense
Tlf. 988 44 22 10
festivaldexardins@allariz.gal

» para visitas
Oficina Municipal de Información e Turismo
Paseo da Alameda s/n 32660 ALLARIZ - Ourense
Tlf. 988 44 20 08
informacion@allariz.gal