2- O XARDÍN DE MONET

Edición 2024 – Parcela 2

Cando Monet chegou a Giverny, soñou cun xardín. Non un xardín ordenado, un xardín con céspede e flores definidas e aliñacións arbóreas. Soñou cun xardín de mapoulas e margaridas que aparecen fundidas no verdor como o trazo dun pincel. De capuchinas salvaxes que invaden os camiños. De glicinias enredadas en pérgolas de madeira. De estanques de nenúfares e reflexos.
Cando Monet chegou a Giverny atopouse cun verxel rodeado de altos muros de pedra. Plantou xardíns con céspede,  flores e árbores froiteiras, cavou un pequeno estanque, fixo construír unha ponte ao modo que se facían en Xapón. Cando Monet chegou a Giverny, soñou cun xardín e aos poucos foi creando o que sería a súa máis prezada obra de arte.
O Xardín de Monet achega aos principios compositivos e artísticos do impresionismo. A través dunha repetición de arcos de madeira, percórrese un espazo no que están presentes os axiomas da súa pintura.
As cores da luz, a través de teas e peles que a modifican, impregnando de cor e atmosfera o percorrido. O filtro da néboa, mediante vaporizadores que refrescarán aos paseantes nos meses calorosos e xerarán unha realidade difusa, densa, vaporosa. As cores de Monet, con xardíns con céspede e flores en movemento, que combinan especies humildes e máis exuberantes, que medran ás súas anchas e organízanse en función da cor, coma se se tratase de pinceladas dun cadro que mestura e funde as cores.

uno+uno: Isotta Cortesi e Gisela Bartoloni

EQUIPO:
Los impresionistas

PROCEDENCIA:
Madrid


Marta Abadín García
Juan Valentín Fernández Prieto
Jaime Martínez de Velasco Marín

Os Impresionistas componse por un trío de arquitectos graduados pola Escola Técnica de Arquitectura de Madrid (ETSAM) e actualmente estudantes do Máster Habilitante na mesma escola.
Con diferentes entendementos e achegamentos cara á arquitectura, comparten a súa paixón pola beleza do mundo natural e o seu interese por desenvolverse no paisaxismo como disciplina.
Aproveitando unha materia do Máster Habilitante que reflexiona sobre a Paisaxe Contemporánea, participamos no concurso de Allariz, con ilusión de comezar a nosa traxectoria profesional co deseño dun xardín que materialice as inquedanzas e desexos que nos acompañaron ao longo destes anos de estudo.